Saturday 04 de May de 2024

Teatro do Atlántico representará no Elma a obra Dúas donas que bailan


O Elma será escenario neste domingo 15, ás 19.00 horas, da representación de Dúas donas que bailan, da
man de Teatro do Atlántico. A dita peza teatral presenta unha muller maior, viúva, que soña cunha viaxe a París e con rematar unha colección de tebeos da infancia, para a cal só lle falta un exemplar, e que se resiste a abandona-lo esfarelado piso en que habita, malia as presións dos fillos, con quen non mantén moi boa relación, e tamén da axencia inmobiliaria propietaria do inmoble. Todos eles teñen outros plans para a vivenda.
En tanto non consegue que súa nai mude de actitude, a filla contrata unha muller para que vaia face-los labores domésticos na casa dúas veces por semana. Esta muller contratada é profesora de Lingua e Literatura, de mediana idade, obrigada polas circunstancias a acepta-lo traballo. O seu carácter contestatario non ten nada que envexar se o comparamos co da vella, outrora unha muller rebelde e
activista.
A presenza desta muller non é ben recibida, e cada xornada convértese nun inquietante e por veces cómico toma e daca, que vai evolucionando sorprendentemente a cada instante. Compártese así co público o drama, os soños e os fracasos das complexas personaxes, nunha viaxe intensa, divertida e brutalmente conmovedora.
As intérpretes son María Barcala e María Ángeles Iglesias. Na ficha técnica figura como autor Josep M.ª Benet i Jornet, dirección de Xúlio Lago, axudante de dirección Esther Carrodeguas e tradución de Aleixandre Lago.
Esta cita enmárcase na programación teatral para esta tempada outono/inverno organizada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña. A entrada é de balde e a actividade transcorrerá seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal as persoas interesadas en asistir deben face-la súa reserva na casa da cultura e
xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545.